Ayeri, vienres, cumpliérense 175 años del nacimientu de Rosalía de Castro. N'homenaxe a la escritora repetimos equí l'artículu y el debuxu de La Voz de Galicia dedicada e ello.
- imaxe: Pilar Canicoba, La Voz de Galicia - |
Rosalía, máis viva que nunca
Galicia celebra hoxe o 175.º aniversario do nacemento da escritora
Escrito por: Camilo Franco
santiago / la voz 24 de febrero de 2012 09:41
Os tempos caen, Rosalía permanece. Hoxe cúmprense 175 anos do seu nacemento e Galicia volverá ler os versos da escritora por máis que, segundo os especialistas, cada época lea a súa poesía inacabable de xeito diferente.
Os actos centrais das homenaxes á escritora terán lugar en Santiago con dos puntos de atención. O acto convocado pola Fundación Rosalía de Castro realizarase na capela do Hostal dos Reis Católicos, espazo que no ano de nacemento da poeta, 1837, era un hospital. Nese mesmo espazo, segundo as biografías, foi bautizada Rosalía de Castro e este é o motivo de que a conmemoración principal saia por primeira vez da sede da fundación en Padrón. Unha circunstancia que disgustou á veciñanza da vila por máis que a presidenta da fundación, a tamén escritora Helena Villar Janeiro, sinalou que era unha decisión relacionada co carácter especial da celebración.
Lectura e cancións sobre poemas serán o eixo central das celebracións. En primeiro lugar, no acto do Hostal, que se iniciará ás sete da tarde, pero tamén haberá lecturas e poemas no acto que se fará de xeito expandido por toda Galicia, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, e que terá como centro dos actos o Panteón de Galegos Ilustres. Nese espazo, a homenaxe de carácter participativo comezará arredor das seis da tarde. A lectura estendida realizarase nas principais cidades galegas e tamén en boa parte das vilas.
Ofrenda e recital
Un pouco máis lonxe, terá lugar outra homenaxe que tamén está relacionada coas primeiras horas de vida da escritora. Está convocada polos veciños de Conxo, ás oito menos cuarto, na Praza de Vigo, cunha ofrenda floral e un recital de Marilar Aleixandre e Anxo Angueira. O acto terá lugar no monolito que lembra a casa desa localidade na que naceu a escritora tal día coma hoxe.
Noutro sentido, o Bloque Nacionalista Galego está presentando en diversos concellos de Galicia unha moción para que o día 24 de febreiro sexa declarado como Día de Rosalía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario